Ola, isto é...

A mistura de David Produtos artesáns Produtos con rostro

A nosa historia

Ola! Somos David e Luisa, un fillo e unha nai unidos polo amor ao queixo... e ao bo comer.

Dámosche a benvida a Queixo e aparte, o noso espazo, un lugar onde atoparás produtos de calidade, artesáns e con rostro. Coma aos nosos pais e avós, gústanos coñecer as historias que están detrás de cada cousa que traemos á casa. Por iso, na nosa mesa nunca pode faltar un bo queixo, nin tampouco un bo viño, unhas conservas, unhas marmeladas, froitos secos, pan ou uns doces tradicionais. Hai moitos xeitos de comer queixo e os nosos queremos compartilos contigo. Agardámoste aos pés do Camiño de Santiago Portugués, no noso recuncho desta Boa Vila que é a cidade do Lérez, Pontevedra.


DAVID

___

Neto de Fina e de Juan, a modista e o panadeiro. Fillo de Luisa, a rapaza da panadaría. Graduado en Xornalismo, especializado en Comunicación Corporativa, amante da cultura, da música e da gastronomía sueca e moitas cousas máis. Nestes anos traballei para varias compañias nacionais e internacionais, vinculado á almentación e tamén aos musicais tendo a oportunidade de xuntar grande parte das miñas paixóns na miña vida profesional.

Crecendo rodeado de produtos artesáns, feitos con agarimo e con esa calma galega que non é tal, ao saír da casa comecei a descubrir o complicado que resulta ás veces atopar cousas que saiban ao que teñen que saber e feitas co que teñen que ser feitas. Pertenzo a unha xeración preocupada polo que come, pero tamén pola súa contorna e por como afectan a ela todas as cousas que facemos individual e colectivamente.

Aprendín a cociñar observando á miña nai e á miña avoa, e a facer pan e doces co meu avó. O meu amor polo queixo, igual que pola música, débollo á miña nai. Decidido a misturar as miñas paixóns e inquedanzas, decido mergullarme neste proxecto que non é outra cousa que unha extensión do que eu son.

Os meus queixos favoritos: imposible elixir, cun pouco de queixo son o home máis rico do mundo.

LUISA
___

Filla de Fina e de Juan, a modista e o panadeiro. Nai de David. Amante do queixo e da nosa gastronomía, do bo café e da boa música. Levo toda a vida tras o mostrador, co único obxectivo de facer sentir aos meus clientes coma na casa, coñecéndoos e entendendo as súas necesidades.

Crecín rodeada de todo isto, de produtos feitos á man, algo que cada vez se nota máis en falta, sobre todo cando os coñeces. Eu pertenzo a unha xeración que participou no cambio ao que temos agora e que busca volver aos sabores de sempre, aqueles que nos lembran quen somos e de onde vimos.

Eu aprendín a cociñar coa miña nai e tamén na panadaría, observando con detalle cada paso, coma quen observa unha obra de arte. E é que a gastronomía e toda unha arte, igual que obras de arte son os queixos, que nunca deixan de evolucionar para ofrecer novos matices a cada paso. Da man do meu fillo, inicio este emocionante proxecto que é parte de nós. Mala é a rama que ao tronco non tira, din.

Os meus queixos favoritos: os casteláns, acompañados dunhas boas anchoas.

É o momento de compartir a nosa visión, a nosa experiencia nos nosos campos de traballo e de aprender xuntos deste inmenso mundo do queixo buscando únicamente abrir as portas da nosa tenda, coma unha extensión da nosa casa. Soamente así, sendo fieis a nós, podemos ser nós.

Benvidos!

Queixo e aparte
DAVID E LUISA
+34 639 239 792
r/ Virxe do Camiño 57, 36003 Pontevedra

CONTACTO