A nosa selección: táboa de inverno

Por - 3.12.20






O inverno está a piques de comezar e como nós somos moi de celebralo todo, imos celebralo cunha nova selección de queixos: Terra, de Airas Moniz; Marrianne, de Cortes de Muar, Valdivieso Trufado e Espadán, de Los Corrales. Para acompañar, o viño Albariño do Mosteiro de Poio. 


Terra


Elaborado con leite cru de vaca jersey por Ana, Suso e Ricardo de Airas Monizen Chantada (Lugo), destaca polo seu sabor intenso e a súa cor amarela que se vai suavizando ao comelo coa codia. Pode ser firme ou cremoso segundo a época do ano. Os mofos da codia desenvólvense de xeito natural debido a que na cava de maduración predomina o penicilinum roqueforti sobre o penicilinum candium.   


Marianne


Rita e Germán, de Cortes de Muar, pertencen á segunda xeración de artesáns dunha familia con máis de 20 anos de experiencia na produción queixeira. Na parroquia de Negreiros, en Silleda elaboran este Marianne, un queixo de leite cru de vaca. Trátase dunha pasta semicocida madurada durante tres meses en herba seca. O resultado é un queixo de aromas florais achegados pola herba seca na codia e a tofe suave e noz no interior da pasta. Para elaboralo inspiráronse nas antigas receitas dos queixos alpinos. Foi o queixo que inaugurou a nosa queixería e dende entón é un dos imprescindibles  

 

Valdivieso Trufado


É un proxecto persoal de Luis de la Vega na busca de desenvolver un queixo trufado diferente ao habitual. Neste caso emprega a Trufa negra natural de Soria (Tuber melanosporum) e nada máis. A receita do queixo combina a dun queixo de pasta semicocida coa pasta prensada tradicional española. O leite pasterizado de ovella empregado na súa elaboración procede do propio gando de Queso Valdivieso e o afinado é de aproximadamente un ano.  


Tronchón


Neste caso estamos ante un queixo de coagulación enzimática mais empregando callo vexetal. A cor escura e graxa da codia é o resultado do seu tratamento con aceite de oliva virxe. O interior é de cor branco marfil con pequenos ollos repartidos de xeito regular e a consistencia é semibranda ou semidura dependendo do grao de maduración. Elabórao Ángel na queixería Los Corrales en Amedíjar (Castellón). Sabor lixeiramente doce e pouco acedo onde se aprecia un lixeiro amargor con aromas a alcachofa debido á acción do callo vexetal.


Albariño do Mosteiro de Poio


É o único albariño galego cultivado nunha abadía en activo. Un viño de pequena parcela moi fresco e cunha boa intensidade aromática que vai etiquetado baixo o amparo da IXP Ribeiras do Morrazo. Unha copa deste caldo, unhas poucas noces ou froitas secas e esta táboa de queixos son todo o preciso para descubrir as mellores sensacións que nos trae o inverno.


Prezo da táboa (aprox 1kg): 35 euros soamente os queixos ou 45 euros co viño.

Tamén che pode gustar