A nosa selección: táboa de outono

Por - 6.10.20




O outono entrou este ano con forza e é unha das nosas estacións favoritas polas paisaxes de postal que nos regala e porque esta humidade nos pastos regálanos queixos cun carácter único nesta tempada. Por iso, celebramos a chedada do outono cunha táboa especial de queixos: Xirós, Taleggio, O Mouro, Valdivieso Trufado e Espadán. Para acompañar, o viño Mencía do Mosteiro de Poio. 


Xirós


Elaborado con leite cru de vaca, trátase dun queixo de pasta branda e codia enmofecida ao estilo dos camembert. Un queixo con moita personalidade, de sabores e cheiros que lembran ao pasto e matices propios da alta montaña lucense que chega directo das mans de Miguel e María, de Bisqato.  


Taleggio


Un queixo de codia lavada elaborado con leite pasterizado de vaca en Lecco (Italia) por Donata e Roberto Carozzi. Moi equilibrado, fresco e afroitado con notas máis salinas que propiamente de carácter animal polo que non resulta un queixo agresivo en boca. 


O Mouro


A Coop. Campo Capela reinterpreta o queixo do país. A base é a mesma mais neste caso á hora de afinalo, báñase o queixo nunha infusión de café e canela aportando uns matices interesantes ao queixo. Este baño non afecta ao interior do queixo que mantén as notas a leite fermentada, nata e iogur que se realzan ao comer a codia que deixa un aroma moi identificativo. Un queixo que sabe a outono. 

 

Valdivieso Trufado


É un proxecto persoal de Luis de la Vega na busca de desenvolver un queixo trufado diferente ao habitual. Neste caso emprega a Trufa negra natural de Soria (Tuber melanosporum) e nada máis. A receita do queixo combina a dun queixo de pasta semicocida coa pasta prensada tradicional española. O leite pasterizado de ovella empregado na súa elaboración procede do propio gando de Queso Valdivieso e o afinado é de aproximadamente un ano.  


Espadán


Codia escura e con mofos e un aroma característico moi intenso. O interior deste queixo de cabra elaborado por Ángel na queixería Los Corrales (Castellón) é nacarado e sen ollos. Ten unha consistencia semibranda e fariñenta. Aroma de intensidade media alta, sabor lixeiramente ácedo con algunha nota doce. O regusto é persistente e apréciase nel o picor clásico do leite de cabra con lembranzas a froitos secos. Unha experiencia moi propia do outono.  


Mencía do Mosteiro de Poio


É o único viño galego cultivado nunha abadía en activo. Un viño de pequena parcela moi fresco e cunha boa intensidade aromática que vai etiquetado baixo o amparo da IXP Ribeiras do Morrazo. Unha copa deste caldo, unhas poucas noces e esta táboa de queixos son todo o preciso para descubrir as mellores sensacións que nos trae o outono.


Prezo da táboa (aprox 1kg): 35 euros soamente os queixos ou 43 euros co viño.


Descarga o noso catálogo

Tamén che pode gustar