A nosa selección: táboa de verán

Por - 12.8.20


Algo fresco intenso bañado de doce para contrastar e gozar do bo tempo. Así é a nosa proposta queixeira de verán: Valdivieso, Gorgonzola Dolce, Queixo fresco do Cebreiro e unha sidra ou un viño do Xerez para acompañar. 


Valdivieso (Manchego DOP)


Directos dende Cinco Casas (Cidade Real) chegan á queixería estes queixos Manchegos DOP elaborados por Luis e a súa familia seguindo unha tradición que arrincaron en 1880. Queixos con personalidade elaborados co leite cru de ovella manchega procedente de gando propio. O 80% dos queixos desta familia véndense de xeito local e agora xa é posible gozar deles aquí. Aroma e sabor intenso con notas doces e torrefactas que o fan tremendamente especial. 


Gorgonzola Dolce DOP


É o queixo azul máis cremoso que existe no mundo e un dos que máis se venden na queixería. Ten unha textura suave e un sabor doce con certo gusto a froitos secos que o convirte no queixo azul para todos, tanto para os amantes dos queixos azuis como para aqueles que din que non lles gustan este tipo de queixos. Con el, podemos reconciliar todas as posicións. 


Queixo do Cebreiro DOP


É unha das nosas Denominacións de Orixe Protexidas queixeiras. Trátase dun queixo fresco cuxa elaboración se basea en amasar a callada antes de moldeala dándolle ao queixo unha textura fariñenta ao perder grande parte da humidade no proceso. Ten forma de fungo e ofrece notas a levadura e panadería con unha moi lixeira acidez. Elabórao Carlos Reija en Castroverde (Lugo).  


Sidra ou viño de Xerez


Notas frescas e doces, con ou sen burbullas. Esta táboa pídenos algo así para contrastar cos queixos e aportar novos matices que nos permitan unha explosión de sabor na boca. Ti elixes. 


Prezo da táboa (aprox 1kg): 35 euros soamente os queixos ou 43 euros coa sidra ou o viño.


Descarga o noso catálogo

Tamén che pode gustar