A nosa selección: queixos galegos

Por - 11.8.20


Con esta proposta queixeira quedamos na casa e exploramos algunha das nosas tradicións mais tamén nos mergullamos no mundo das innovacións queixeiras probando algúns dos queixos feitos no país que máis están a dar que falar e que máis escapan da que era a nosa tradición. Pasado, presente e futuro do queixo galego nunha mesma táboa co San Simón da Costa, o Savel, o Xirós e o Touza Vella madurado.


San Simón da Costa DOP


Codia grosa e de cor ámbar. Pasta densa, de textura fina e case sen ollos de cor amarelo claro. En nariz destacan as notas do afumado con madeira de bidueiro. En boca presenta tamén notas a froitos secos. O San Simón e unha das nosas catro denominacións de orixe queixeiras e elabórase con leite de vaca pasterizado cunha maduración de aproximadamente un mes para o formato bufón e de 45 días para o formato tradicional de 1 kg. É o noso queixo afumado por excelencia que ven directo da Terra Chá (Lugo).


Savel


Din que é o mellor queixo azul de España e é, dende logo, un dos nosos favoritos. Elaborado con leite cru de vaca jersey en Chantada, Lugo, por Ricardo, Ana e Suso (Airas Moniz), trátase dun queixo de grande untuosidade propia da manteiga que contrarresta a intensidade dos sabores aportados polo desenvolvemento do Penicilinum. Unha das xoias da innovación queixeira do noso país.


Xirós


Elaborado con leite cru de vaca, trátase dun queixo de pasta branda e codia enmofecida ao estilo dos camembert. Un queixo con moita personalidade, de sabores e cheiros que lembran ao pasto e matices propios da alta montaña lucense que chega directo das mans de Miguel e María, de Bisqato.  


Touza Vella Madurado


Tamén artesán pero elaborado neste caso con leite cru de cabra en Ourense. Ten codia con mofos naturais debido á ausencia de tratamentos químicos. Ten un aroma suave e un lixeiro gusto picante propio dos queixos elaborados con leite de cabra. 


Prezo da táboa (aprox 1kg): 30 euros.


Descarga o noso catálogo

Tamén che pode gustar