A nosa selección: vaca, cabra e ovella

Por - 12.8.20


Equilibrio, lembranzas á orixe e á natureza. Do doce ao intenso, así é esta selección de catro queixos nos que hai vaca, cabra e ovella: O Mouro, Brie de Meaux, Isla Corazón (Palmero DOP) e Valdivieso Trufado.


O Mouro


A Coop. Campo Capela reinterpreta o queixo do país. A base é a mesma mais neste caso á hora de afinalo, báñase o queixo nunha infusión de café e canela aportando uns matices interesantes ao queixo. Este baño non afecta ao interior do queixo que mantén as notas a leite fermentada, nata e iogur que se realzan ao comer a codia que deixa un aroma moi identificativo. 


Brie de Meaux


O Brie que elaboran en Dongé é, posiblemente, un dos que mellor manteñen a concepción do que debe ser un Brie de Meaux polas súas notas a froita e os seus sabores vexetais que nadan nunha cremosidade difícil de acadar sen que as notas amargas poidan aparecer no queixo. A mellor definición do equilibro con notas a manteiga, avelás, col e fungos. 


Isla Corazón (Palmero DOP)


Elaborado con leite cru de cabra dentro da DOP Palmero, o Isla Corazón sálgase con sal do mar procedente da propia illa. O queixo afúmase con acédulas de piñeiro canario e en Cultivo afínanos durante 6 meses facilitando o desenvolvemento de mofos na codia que lle aportan un carácter moi singular ás pezas. A acidez é controlada e o sabor ao afumado aparece de xeito sutil quedando como segundo protagonista sen enmascarar os novos sabores que nos proporciona este queixo. 


Valdivieso Trufado


É un proxecto persoal de Luis de la Vega na busca de desenvolver un queixo trufado diferente ao habitual. Neste caso emprega a Trufa negra natural de Soria (Tuber melanosporum) e nada máis. A receita do queixo combina a dun queixo de pasta semicocida coa pasta prensada tradicional española. O leite pasterizado de ovella empregado na súa elaboración procede do propio gando de Queso Valdivieso e o afinado é de aproximadamente un ano.


Prezo da táboa (aprox 1kg): 40 euros.


Descarga o noso catálogo

Tamén che pode gustar