facebook instagram
  • Inicio
  • Sobre nós
  • Produtos
    • Catálogo
    • A nosa selección
  • Contacto

Queixo e aparte






O inverno está a piques de comezar e como nós somos moi de celebralo todo, imos celebralo cunha nova selección de queixos: Terra, de Airas Moniz; Marrianne, de Cortes de Muar, Valdivieso Trufado e Espadán, de Los Corrales. Para acompañar, o viño Albariño do Mosteiro de Poio. 

3.12.20


O Nadal está a piques de chegar e é o momento perfecto para desconectar, pensar en positivo e facer sorrir aos demais. Estamos convencidos de que cun pouco de queixo calquera momento é bo e por iso che propoñemos celebrar estas festas connosco. 


Para poñercho moi fácil ofrecémosche 5 posibilidades para regalar un momento de queixo a quen queiras... ou a ti mesmx!   


No noso catálogo de Nadal poderás ver dende a nosa proposta máis sinxela da casa até a máis completa, un paquete para sobrevivir unha semana enteira e que nunca falte o queixo. Por suposto, tamén che damos a oportunidade de configurar o teu propio paquete de agasallo a medida. Tes ben onde escoller: queixo, viño, mel, conservas, aceite de oliva virxe extra, chocolate, froitos secos, etc.

Descarga o noso catálogo de Nadal 2020


Comer queixo, do de verdade, é coidar a saúde, apoiarnos entre nós e apoiar aos pequenos produtores que continúan a traballar no campo e a elaborar queixo cada día. Disto imos saír xuntos e o camiño imos gozalo... con queixo! 


Lembra: a vida é moi curta pra comer queixo só de cando en cando. Agardámoste na queixería!  

Descarga o noso catálogo de Nadal 2020

24.11.20



O outono entrou este ano con forza e é unha das nosas estacións favoritas polas paisaxes de postal que nos regala e porque esta humidade nos pastos regálanos queixos cun carácter único nesta tempada. Por iso, celebramos a chedada do outono cunha táboa especial de queixos: Xirós, Taleggio, O Mouro, Valdivieso Trufado e Espadán. Para acompañar, o viño Mencía do Mosteiro de Poio. 


Xirós


Elaborado con leite cru de vaca, trátase dun queixo de pasta branda e codia enmofecida ao estilo dos camembert. Un queixo con moita personalidade, de sabores e cheiros que lembran ao pasto e matices propios da alta montaña lucense que chega directo das mans de Miguel e María, de Bisqato.  


Taleggio


Un queixo de codia lavada elaborado con leite pasterizado de vaca en Lecco (Italia) por Donata e Roberto Carozzi. Moi equilibrado, fresco e afroitado con notas máis salinas que propiamente de carácter animal polo que non resulta un queixo agresivo en boca. 


O Mouro


A Coop. Campo Capela reinterpreta o queixo do país. A base é a mesma mais neste caso á hora de afinalo, báñase o queixo nunha infusión de café e canela aportando uns matices interesantes ao queixo. Este baño non afecta ao interior do queixo que mantén as notas a leite fermentada, nata e iogur que se realzan ao comer a codia que deixa un aroma moi identificativo. Un queixo que sabe a outono. 

 

Valdivieso Trufado


É un proxecto persoal de Luis de la Vega na busca de desenvolver un queixo trufado diferente ao habitual. Neste caso emprega a Trufa negra natural de Soria (Tuber melanosporum) e nada máis. A receita do queixo combina a dun queixo de pasta semicocida coa pasta prensada tradicional española. O leite pasterizado de ovella empregado na súa elaboración procede do propio gando de Queso Valdivieso e o afinado é de aproximadamente un ano.  


Espadán


Codia escura e con mofos e un aroma característico moi intenso. O interior deste queixo de cabra elaborado por Ángel na queixería Los Corrales (Castellón) é nacarado e sen ollos. Ten unha consistencia semibranda e fariñenta. Aroma de intensidade media alta, sabor lixeiramente ácedo con algunha nota doce. O regusto é persistente e apréciase nel o picor clásico do leite de cabra con lembranzas a froitos secos. Unha experiencia moi propia do outono.  


Mencía do Mosteiro de Poio


É o único viño galego cultivado nunha abadía en activo. Un viño de pequena parcela moi fresco e cunha boa intensidade aromática que vai etiquetado baixo o amparo da IXP Ribeiras do Morrazo. Unha copa deste caldo, unhas poucas noces e esta táboa de queixos son todo o preciso para descubrir as mellores sensacións que nos trae o outono.


Prezo da táboa (aprox 1kg): 35 euros soamente os queixos ou 43 euros co viño.


Descarga o noso catálogo

23.11.20


A combinación de queixo e mel é todo un clásico. O mel é un produto complexo que aporta numerosos nutrientes ademáis de servir para fortalecer as nosas defensas, e máis agora que se achega o outono. É un dos mellores endulzantes que podemos atopar e se o aproveitamos para combinalo co queixo, temos a receita perfecta.


Unha das opcións cásicas é a combinación de mel e queixos azuis que contrastan co seu sabor forte e regusto picante co doce do mel. Ademais, son queixos manteigosos, xeralmente sen codia e con moita personalidade. Mais non é a única opción xa que se non eres fan dos queixos azuis, tamén podes optar por queixos frescos, queixos de cabra ou ben queixos curados. A principal regla é que non hai reglas nisto, a clave é probar.


Os queixos de cabra, por exemplo, son unha boa opción debido ao carácter láctico e ácido do leite de cabra que se volve redondo co mel. De feito hai moitos postres tradicionais que mesturan estes dous produtos. E tamén funciona en pratos salgados coma ensaladas nas que podemos poñer un pouco de queixo de cabra coma o Touza Vella Madurado e preparar unha vinagreta con mel.


E se o que imos facer é preparar unha táboa, non hai que esquecer unhas poucas noces e figos para completala.


As nosas opcións favoritas para maridar co mel son o Savel de Airas Moniz, o Stilton Colston Basset e o Cabrales El Teyedu. Todos eles queixos intensos e con moita personalidade que se ven realzados por ese elemento doce que aporta o mel.



E tan importante como elixir un bo queixo é elixir un bo mel, que ha ser de produción primaria e sen tratamento térmico para manter todas as súas propiedades. Un produto 100% artesanal aportaranos máis sabor e todas as propiedades beneficiosas do mel. Na queixería podes atopar o noso Mel e aparte, recollido por Gonzalo en Cotobade e do que dispoñemos habitualmente en dúas variedades, unha máis suave con predominancia de eucalipto e outra máis intensa e mesmo algo picante con predominancia de castiñeiro aínda que isto depende do ano, do clima e de moitas outras cousas. Porque igual que no caso dos queixos, o mel está fortemente condicionado pola contorna e polo clima, fala da terra.


Descarga o noso catálogo

17.9.20

Algo fresco intenso bañado de doce para contrastar e gozar do bo tempo. Así é a nosa proposta queixeira de verán: Valdivieso, Gorgonzola Dolce, Queixo fresco do Cebreiro e unha sidra ou un viño do Xerez para acompañar. 


Valdivieso (Manchego DOP)


Directos dende Cinco Casas (Cidade Real) chegan á queixería estes queixos Manchegos DOP elaborados por Luis e a súa familia seguindo unha tradición que arrincaron en 1880. Queixos con personalidade elaborados co leite cru de ovella manchega procedente de gando propio. O 80% dos queixos desta familia véndense de xeito local e agora xa é posible gozar deles aquí. Aroma e sabor intenso con notas doces e torrefactas que o fan tremendamente especial. 


Gorgonzola Dolce DOP


É o queixo azul máis cremoso que existe no mundo e un dos que máis se venden na queixería. Ten unha textura suave e un sabor doce con certo gusto a froitos secos que o convirte no queixo azul para todos, tanto para os amantes dos queixos azuis como para aqueles que din que non lles gustan este tipo de queixos. Con el, podemos reconciliar todas as posicións. 


Queixo do Cebreiro DOP


É unha das nosas Denominacións de Orixe Protexidas queixeiras. Trátase dun queixo fresco cuxa elaboración se basea en amasar a callada antes de moldeala dándolle ao queixo unha textura fariñenta ao perder grande parte da humidade no proceso. Ten forma de fungo e ofrece notas a levadura e panadería con unha moi lixeira acidez. Elabórao Carlos Reija en Castroverde (Lugo).  


Sidra ou viño de Xerez


Notas frescas e doces, con ou sen burbullas. Esta táboa pídenos algo así para contrastar cos queixos e aportar novos matices que nos permitan unha explosión de sabor na boca. Ti elixes. 


Prezo da táboa (aprox 1kg): 35 euros soamente os queixos ou 43 euros coa sidra ou o viño.


Descarga o noso catálogo

12.8.20

Equilibrio, lembranzas á orixe e á natureza. Do doce ao intenso, así é esta selección de catro queixos nos que hai vaca, cabra e ovella: O Mouro, Brie de Meaux, Isla Corazón (Palmero DOP) e Valdivieso Trufado.


O Mouro


A Coop. Campo Capela reinterpreta o queixo do país. A base é a mesma mais neste caso á hora de afinalo, báñase o queixo nunha infusión de café e canela aportando uns matices interesantes ao queixo. Este baño non afecta ao interior do queixo que mantén as notas a leite fermentada, nata e iogur que se realzan ao comer a codia que deixa un aroma moi identificativo. 


Brie de Meaux


O Brie que elaboran en Dongé é, posiblemente, un dos que mellor manteñen a concepción do que debe ser un Brie de Meaux polas súas notas a froita e os seus sabores vexetais que nadan nunha cremosidade difícil de acadar sen que as notas amargas poidan aparecer no queixo. A mellor definición do equilibro con notas a manteiga, avelás, col e fungos. 


Isla Corazón (Palmero DOP)


Elaborado con leite cru de cabra dentro da DOP Palmero, o Isla Corazón sálgase con sal do mar procedente da propia illa. O queixo afúmase con acédulas de piñeiro canario e en Cultivo afínanos durante 6 meses facilitando o desenvolvemento de mofos na codia que lle aportan un carácter moi singular ás pezas. A acidez é controlada e o sabor ao afumado aparece de xeito sutil quedando como segundo protagonista sen enmascarar os novos sabores que nos proporciona este queixo. 


Valdivieso Trufado


É un proxecto persoal de Luis de la Vega na busca de desenvolver un queixo trufado diferente ao habitual. Neste caso emprega a Trufa negra natural de Soria (Tuber melanosporum) e nada máis. A receita do queixo combina a dun queixo de pasta semicocida coa pasta prensada tradicional española. O leite pasterizado de ovella empregado na súa elaboración procede do propio gando de Queso Valdivieso e o afinado é de aproximadamente un ano.


Prezo da táboa (aprox 1kg): 40 euros.


Descarga o noso catálogo

12.8.20
Entradas antiguas Inicio

Dámosche a benvida

Sobre nós





Vivimos a cultura dos queixos artesáns para achegala a ti. Sempre cos pequenos produtores, porque a vida é moi curta como para comer queixo só de cando en cando.

Síguenos

Copyright © 2019 Queixo e aparte. Feito con

© Queixo e aparte 2020. Feito con


Rúa da Virxe do Camiño 57. 36003, Pontevedra

Email: david@queixoeaparte.gal

Teléfono: +34 986 160 098


faq | termos e condicións | política de privacidade